SANXENXO > O Concello de Sanxenxo, a través da Xerencia de Urbanismo, executará o derrube de parte do edificio Boavista, situado en Baltar. Hoxe abríronse os sobres coas ofertas das tres empresas que optan a executar os traballos, que poderían ser adxudicados mañá.
Tres empresas optan a executar a demolición do edificio Boavista, situado en Baltar, Portonovo. Trátase dun inmoble que foi construído en 1984 e que excedía as alturas contempladas na licencia municipal. Segundo informou o Concello, as firmas que presentaron as súas ofertas ó concurso de derrube son Dentelladas, CCS e Sercoysa que contan cun presuposto inicial de 87.540 euros. Tal como consta no proxecto elaborado pola Xerencia de Urbanismo, os traballos de derrube afectarán a dúas plantas e media e a dous aproveitamentos baixo cuberta, que vén sendo a parte construída ilegalmente. Trala demolición, o Boavista contará con baixo e dúas plantas, que son as alturas que contemplaba a licencia concedida no seu momento. Debido ás dificultades que presenta a demolición, o proxecto prevé a súa execución dende o interior, empezando pola parte superior do inmoble. En 1984, o Concello de Sanxenxo concedeu licencia de construcción para dúas vivendas apareadas de dúas alturas, distribuídas en baixo e planta. Sen embargo, o promotor construiu un edificio de sete alturas, todas en réxime de vivenda colectiva, distribuídas en baixo máis tres plantas e outras tres no aproveitamento do baixo cuberta.
Redacción Salnés