POBRA > O executivo pobrés iniciou as obras de remodelación da Praza Victoriano García Martí.
A actuación, cun presuposto que se achega ós 197 mil euros, dos cales aproximadamente 138 mil serán aportados pola Consellería de Innovación e Industria, prevé basicamente o empedrado da praza e a renovación da rede de saneamento e a recollida de augas pluviais.
Operarios da empresa OYS iniciaron os traballos de acondicionamento desta emblemática praza situada a escasos metros da casa consistorial. Dende hai tempo o executivo pobrés viña plantexando a necesidade de acometer esta obra debido fundamentalmente ó mal estado que presentaba, cun pavimento en mal estado e a presenza de numerosos vehículos que dificultaban mesmo o tránsito para os peóns.
Por esta razón e coa finalidade de busca-lo financiamento necesario para acomete-las obras o equipo de goberno presentoulle un proxecto á Consellería de Innovación e Industria que posibilitou unha achega de 138 mil euros. A cantidade restante ata completa-los 197 mil euros necesarios para acomete-la obra deberán ser aportados polo propio goberno pobrés.
A actuación iniciada consistirá no levantamento do actual firme para instalar novas redes de saneamento e recollida de pluviais, e realizar despois o empedrado da praza. Unha vez rematada a obra a zona será dotada de diverso mobiliario urbano, como bancos, papeleiras, zonas axardinadas e farolas co fin de darlle un aspecto máis coidado e moderno á praza.
A mellora do entorno irá aparellada tamén cunha reordenación integral do tráfico, permitíndose a circulación de vehículos, tanto cara o museo Valle-Inclán como cara a casa consistorial, pero eliminaranse as prazas de estacionamento existentes para incrementar notablemente o tamaño das beirarrúas e das zonas destinadas ós peóns.
Coa remodelación da Praza Victoriano García Martí, o executivo local daralle continuidade ós proxectos realizados con anterioridade para humanizar outros entornos significativos do casco urbano da vila, como foi o caso da Praza do Cantón da Leña, a área das Cinco Calles, a rúa Estremo ou a Praza Valle-Inclán conformando un espazo para o desenvolvemento do pequeno comercio.
Redacción Barbanza