Maior rendabilidade e menor impacto ambiental

    desenvovementosostible_100_131106.jpgBOIRO > A patronal boiresa levou a  debate o desenvolvemento sostible do mar

    … no marco das Xornadas do Asociacionismo. O salón de plenos do concello de Boiro encheuse de público para asistir á charla coloquio impartida polo Director Xeral de Recursos Mariños da Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Francisco Fernández Cortés, e o presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, Xaquín Rubido.

    Baixo o título ‘O desenvolvemento sostible do mar’ os dous poñentes abordaron diversidade de temas de actualidade referidos ó sector marítimo.

    Así, o representante de Pesca insistiu na colaboración da Xunta de Galicia con todas aquelas entidades ou colectivos que queiran poñer en marcha unha reserva mariña, ó considerar que esta iniciativa evitará a sobreexplotación das especies. Fernández Cortés puxo como exemplo o traballo que está levando a cabo neste sentido a Confraría de Lira, no seu afán de conseguir unha reserva nas súas costas.

    O Director Xeral de Recursos Mariños da Consellería de Pesca fixo fincapé tamén na necesidade de afrontar novos retos entre o sector pesqueiro e marisqueiro para sacar unha maior rendabilidade ós produtos do mar. Por esta razón para Fernández Cortés é imprescindible que o sector inicie a súa transformación e leve a cabo actuacións conxuntas para sacarlle un maior proveito á actividade.

    Pola súa banda o presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, Xaquín Rubido, expuso na súa intervención os problemas ambientais que amenazan o futuro da ría debido á contaminación. Por esta razón insistiu na necesidade de preserva-los ecosistemas naturais e evita-lo esgotamento dos recursos.

    Xaquín Rubido fixo tamén un chamamento as autoridades para que dunha vez por todas analicen os problemas máis importantes que afectan á ría como poden ser a ordenación territorial, os vertidos e a contaminación procedente dos ríos e das augas residuais.

    Redacción Barbanza