BARBANZA> Como vén sendo habitual a primeiros de ano, esta mañá celebrábase o pleno ordinario na mancomunidade Barbanza-Arousa para facer oficial o relevo na presidencia da entidade que se realiza de xeito rotatorio anualmente.
O cargo será asumido neste 2026 polo alcalde da Pobra, José Carlos Vidal, que substituirá no posto ó seu homólogo de Rianxo, Julián Bustelo, quen desempeñou esta responsabilidade ó longo de 2025.
Na súa intervención, o presidente saínte explicou cales foron os principais logros acadados pola entidade durante o pasado ano, entre os que se atoparon a ampliación das competencias de Mancomunidade e a execución de parte dos fondos Next Generation.
Pola súa banda, o novo presidente de Barbanza-Arousa, esbozou as liñas mestras do que será o seu mandato durante este 2026.
Entre as tarefas pendentes márcase poñer en marcha as novas liñas de traballo mancomunadas e o remate do Plan de Sostinibilidade Turística, dotado con 1,5 millóns de euros.
Un dos primeiros compromisos que terá a entidade neste 2026 será xa a vindeira semana coa súa participación en Madrid, na Feira Internacional de Turismo, a onde acudirá para presentar a súa oferta turística e poñer en valor este territorio.











