Lustres Rivas xa conta cunha placa conmemorativo na súa casa natal

    homenaxelustresrivas_100_131106.jpgRIBEIRA > A Asociación Cultural ‘Altofalante’ rendeulle unha homenaxe ó  xornalista Manuel Lustres Rivas.

    A pesar de ser un acto sinxelo, a homenaxe a Manuel Lustres Rivas estivo cargada dunha gran emotividade. Aproveitando a declaración do ano 2006 coma ano da memoria, a Asociación Cultural Altofalante decidiu contribuír á lembranza deste ilustre ribeirés asasinado durante o alzamento do 36.

    No acto, ademais dos directivos de Altofalante, déronse cita un bo númro de persoas, entre elas a Delegada Provincial de Cultura, Milagros Lantes, así como tamén varios membros da corporación municipal.

    A primeira das paradas producíase na propia casa natal de Lustres Rivas. Alí foi destapada, baixo os acordes do himno do Antigo Reino de Galicia, unha placa conmemorativa en homenaxe a este autor que perdeu a vida defendendo os seus ideais.

    A asociación cultural ribeiresa aproveitou tamén o acto para realizar unha reivindicación ó concello para que faga desaparecer tódolos símbolos e nomes fascistas que hai no municipio. O presidente de ‘Altofalante’ puxo como exemplo significativo desta situación o feito de que o nome da rúa que veu nacer a Lustres Rivas tivera o nome de Avenida General Franco.

    Os actos continuaron posteriormente no auditorio municipal onde tivo lugar unha conferencia a cargo do xornalista Gustavo Luca de Tena que falou sobre a vida e a obra do homenaxeado.

    Redacción Barbanza