A variante de Pontearnelas podería abrirse ó tráfico en marzo

    visitavariantepontearnelas_100_180107.jpgSALNÉS > A finais deste mes podería abrirse ós peóns a nova ponte de Pontearnelas e en marzo ó tráfico rodado.

    Así o indicaron os técnicos da Deputación de Pontevedra durante a visita feita esta mañá polo seu presidente e polos representantes dos concellos implicados: Ribadumia, Vilanova e Cambados. Todos supervisaron a marcha dos traballos da nova ponte que avanzan a bo ritmo.

    Unha vez que os coches poidan ser desviados pola nova ponte, o que segundo os técnicos podería ocorrer en marzo, a Deputación iniciará a reforma da antiga ponte de Pontearnelas, onde pretenden substituí-lo asfalto por pedra para facer un paso semipeonil e restrinxido ó tráfico pesado. Ademais disimularanse as tubarias que, actualmente, pasan a ambas marxes da ponte.

    visitavariantepontearnelas_300_180107.jpgOs alcaldes de Cambados, Vilanova e Ribadumia aproveitaron a visita ás obras da nova ponte para adiantar que o proxecto de reforma desta área contempla a construción de tres rotondas que mellorarán a seguridade vial, principalmente no cruce da Gombra e no de Pontearnelas, onde se teñen producido accidentes mortais. Por outra banda, acordaron co presidente, Rafael Louzán, instalar en cada unha das rotondas un elemento simbólico elaborado por artistas locais de cada municipio (Vilanova, Ribadumia e Cambados).

    A unión temporal de empresas Sercoysa-Aldesa encárgase da obras da variante e da nova ponte, que foi adxudicada en 2 millóns 300 mil euros. Compre destacar que pola estrada actual pasaban no ano 2002 4.000 vehículos ó día dos que un 11,5 % eran pesados, segundo a Subdirección Xeral de Estradas. Estímase que esta afluencia medrou un 4% ata o 2005 e aumentará un 3,5% máis ata a súa posta en servizo o que fai imprescindible a variante e a nova ponte sobre o Umia.

    Redacción Salnés