VILAGARCÍA> A Xunta cifra en 30 as praias afectadas polo vertido de pellets de plástico. O goberno galego asegura que estas bólas non son tóxicas e descarta eleva-lo nivel de emerxencia. Esta mañá, o conselleiro do Mar estivo no porto de Vilagarcía, onde está atracado un buque de Gardacostas de Galicia. Alfonso Villares volveu incidir no baile de datas en canto á notificación do vertido, ao tempo que fixo un chamamento ao voluntariado a participar nas recollidas de forma ordenada porque, dixo, “moita xente nas praias pode facer máis mal que ben”.
Mentres os voluntarios seguen a retira-los pellets das praias afectadas, a Xunta descarta eleva-lo nivel de emerxencia, algo que se traduciría, por exemplo, en máis medios por parte do goberno central. O executivo galego asegura que non é preciso, atendendo a criterios técnicos e científicos.
O conselleiro do Mar estivo esta mañá no porto de Vilagarcía, onde está atracado un dos buques de Gardacostas de Galicia. Alí, Alfonso Villares fixo un chamamento á tranquilidade, asegurando que os pellets que están chegando ás praias non son tóxicos e que non teñen constancia de fauna afectada.
Segundo datos do goberno galego, neste momento hai 30 areais afectados pola chegada dos pellets. Destaca o traballo da empresa Tragsa e agradece o papel do voluntariado, pero matiza…
E sobre as contradicións coas datas de notificación o conselleiro insiste en que ata comezos de xaneiro a Xunta non soubo nada por parte do executivo central. Unha versión que chocaría coa da delegación do goberno en Galicia, que apunta que informou á Xunta o 20 de decembro. que á súa vez sabía dos primeiros vertidos o día 13 a través do 112 Galicia.
Entre tanto este luns, a Unidade Especializada en Medio Ambiente da Fiscalía Xeral do Estado decidiu abrir dilixencias por este vertido de pellets na costa galega. Esta unidade xa abriu un expediente de seguimento da situación o pasado 4 de xaneiro.











