O PP pide a reactivación do Plan de Prevención de Accidentes Marítimos

    balseiromarta_100_190107.jpgVILAGARCÍA > O responsable de Pesca do grupo parlamentario popular presentou en Vilagarcía unha proposición non de lei.

    Despois de se cumprir catro anos desde o accidente do Prestige, os populares galegos lembran que os únicos medios técnicos dispoñibles para facer fronte a este tipo de episodios son os que contratara o anterior goberno galego. É o caso dos buques Sebastián Docampo e Irmáns García Nodal, así como os helicópteros dotados de última tecnoloxía, todos eles adquiridos polo goberno do PPdeG no marco dun programa de incorporación de medios de última xeración que foi paralizado polo Executivo bipartito.

    Dentro do Plan Xeral para a Prevención de Accidentes Marítimos de Galicia figuraba a posta en marcha dun sistema operacional, totalmente abandonado polo novo Goberno, que permitía sistematiza-la toma de decisións e a planificación de actividades ante episodios de contaminación. A metodoloxía baseábase na definición inicial dos puntos de maior risco, para o que se prevía simular as derivas de manchas de hidrocarburos e doutros produtos perigosos. Para cada conxunto de derivas planificaríanse as accións de protección e recollida do produto, así como limpeza.

    Servizo de Gardacostas

    Balseiro enmarca a paralización do Plan de Loita contra a contaminación na ausencia de política pesqueira e marítima da Xunta, na que tamén se inclúe a degradación do Servizo de Gardacostas de Galicia, a pesar de que conta cos profesionais mellor formados de España. A maioría das embarcacións dos gardacostas levan amarradas desde o pasado outono, o que alenta a actividade dos furtivos, que están a rexistrar cotas nunca antes vistas no litoral galego e cunha especial incidencia da Ría de Arousa.

    Redacción Salnés