BOIRO > O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, arroupou a Xosé Deira no seu acto de presentación …
… coma candidato desta formación política á alcaldía de Boiro. Na súa intervención destacou o traballo realizado por Deira nestes catro anos á fronte do concello, solicitándolle ós veciños o seu apoio nos vindeiros comicios municipais para que poida gobernar en maioría.
O líder do BNG afirmou que ó alcalde nacionalista Xosé Deira e candidato á reelección aínda lle queda moito que facer por este municipio. Segundo el as eleccións municipais do vindeiro mes de maio serán unha excelente oportunidade para que Xosé Deira sexa de novo o alcalde de tódolos boireses xa que se trata dun alcalde democrático e coas portas abertas para os veciños.
Boa xestión
No acto, que se desenvolveu no centro social e foi presentado por Xosé Manuel Pérez, o novo responsable local do BNG, Quintana louvou a xestión realizada por Deira durante estes tres anos e medio de mandato, sinalando que os veciños deberán ter en conta o traballo realizado, a pesar de que en moitas ocasións atopouse coas portas pechadas da administración.
Pola súa banda o alcalde boirés e candidato á reelección comezou a súa intervención agradecendo ós seus compañeiros de partido que confíen nel para encabezar de novo o proxecto do BNG en Boiro e volver a ser alcalde.
Deira fixo un repaso destes tres anos e medio de goberno. Tivo tempo para falar das causas da rotura do tripartito e a situación caótica e estado de quebra coa que se atopou nada máis poñer pé na alcaldía. Tamén destacou o esforzo feito durante o seu mandato por tratar de xeito igualitario a tódolos núcleos de poboación, dotándoos de servizos indispensables, como auga corrente, rede de saneamento e infraestruturas.
Ademais de simpatizantes e militantes do BNG a nivel local e comarcal, no acto tamén participou a Conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo.
Redacción Barbanza