Vivendas de promoción pública para mozos e terceira idade

    conselleriavivenda_100_290106.jpgBOIRO > Vivenda e o concello de Boiro asinaron un acordo para a construción de pisos protexidos.

    Este convenio permitirá construír unhas 25 vivendas de entre 40 e 45 metros cadrados nunha parcela situada no lugar de Pouso da Forca en Escarabote. O obxectivo do goberno local pasa fundamentalmente por destinar estes pisos a menores de 35 anos e persoas da terceira idade sen vivenda propia ou que sexan propietarios dunha considerada como infravivenda. Os beneficiarios poderán acceder a elas en réxime de propiedade ou aluguer.

    O alcalde boirés destacou a importancia de que as administracións se impliquen na necesidade de garantir o dereito a unha vivenda digna para tódolos cidadáns e agradeceu o interese da Consellería de Vivenda por facilitar esas condicións.

    Pola súa banda, a titular de Vivenda louvou a actitude do executivo boirés pola cesión desta parcela en beneficio de dous colectivos como a mocidade e a terceira idade. Asemade, insistiu na necesidade de que as vivendas de promoción pública se convirtan nun referente de calidade. Na actualidade, a Consellería está realizando os trámites para a redacción do proxecto polo que se prevé que ó longo deste ano comecen a edificarse as vivendas.

    Durante a sinatura do convenio, a Conselleira de Vivenda estivo acompañada polo Delegado Provincial, Xoán Carlos Bascuas, e ó acto asistiron tamén o tenente de alcalde, Xoán Xesús Ares, e o concelleiro de Urbanismo, Xoán León, entre outros membros do equipo de goberno.

    Redacción Barbanza