A vila de Cabanillas homenaxea a Neira Vilas e Anisia Miranda

neiravilas_100_290107.jpgCAMBADOS > O auditorio quedouse pequeno na homenaxe que recibiron Neira Vilas e a súa dona Anisia Miranda

… Unha homenaxe na que houbo outro indiscutible protagonista, Balbino, o neno labrego que leva 45 anos contándonos as súas memorias.

neiravilas_anisiamiranda_200_290107.jpgA admiración que sente polo cambadés Ramón Cabanillas foille devolta, e con creces, a Xosé Neira Vilas. O escritor recibiu este sábado unha emotiva homenaxe, extensiva tamén á labor literaria da súa muller Anisia Miranda. Xuntos fundaron Follas Novas, e en 1961 editaron Memorias dun neno labrego. A historia de Balbino é a máis lida e a máis traducida da literatura galega.

Durante a homenaxe que se lle rendeu ó matrimonio o libro rulou polas mans dos escolares da comarca do Salnés, que leron logo en público algunhas das súas pasaxes máis representativas. E sobre a obra falaron tamén os escritores cambadeses Francisco Fernández Rei e Ramón Caride.

A homenaxe partiu da Agrupación de Libreiros de Pontevedra e íase celebrar en decembro, coincidindo co 45 aniversario da edición de Memorias dun neno labrego, co centenario da Real Academia Galega e co Ano da Memoria. Por problemas de saúde de Anisia Miranda, o acto celebrouse este sábado, co patrocinio da Consellería de Innovación e Industria, a través do Plan Xacobeo. En representación estivo a delegada provincial Montserrat Prado.

Redacción Salnés