A Xunta pretende sacar novamente a concurso as vivendas sociais de Xarás

    vivendassociaisxaras_100_020407.jpgRIBEIRA > Tras máis de medio ano paralizado, a Xunta de Galicia ten previsto elaborar un novo proxecto para a construción das vivendas sociais de Xarás.

    Tras inicia-la rescisión do contrato, a Xunta de Galicia remitiu o pasado 12 de marzo ó Consello Consultivo un informe detallado do estado en que se atopa a obra. Agora só falta que este organismo emita un dictame que confirme a resolución do contrato para liquidar a obra e proceder á elaboración dun novo proxecto para rematar a obra, que tería que saír novamente a concurso. Deste xeito poderían retomarse os traballos de construción das vivendas sociais proxectadas na zona de Xarás que levan paralizadas dende outubro do pasado ano.

    A Consellería de Vivenda e Solo decidiu rescindir o contrato á empresa Seixo, adxudicataria da obra, polo incumprimento dos prazos a pesar dos reiterados requerimentos feitos dende a administración autonómica. O prazo de execución establecérase en 18 meses dende o inicio das obras en marzo de 2005. Sen embargo, neste tempo a empresa soamente foi quen de concluir o 13’85 por cento do total do proxecto.

    Recurso en contra

    Ó parecer, a demora debeuse a motivos de carácter económico posto que os responsables da empresa xa manifestaran a súa disconformidade co orzamento de adxudicación por non axustarse ós prezos reais do mercado. Por este motivo, os responsables da construtora presentaron un recurso en contra da decisión da administración autonómica.

    Agora, será o consello consultivo quen decida se o contrato establecido inicialmente coa empresa Seixo queda sen efecto. De ser así, a Consellería de Vivenda procedería a liquidarlle os traballos realizados e novas empresas poderían concorrer para a finalización do proxecto.

    Redacción Barbanza