A rede de auga en Cespón e Abanqueiro podería estar rematada en maio

    BOIRO > O executivo boirés confía en que as obras de abastecemento de auga ás parroquias de Abanqueiro e Cespón estean rematadas no mes de maio.

    A actuación, sufragada na súa totalidade pola Consellería de Medio Ambiente, ascende a máis de 860 mil euros e está a ser realizada pola empresa Indeza. O alcalde, Xosé Deira, e o concelleiro de Obras e Servizos, Xoán Xesús Ares, visitaron as obras acompañados dos técnicos da Xunta e representantes da empresa adxudicataria dos traballos.

    De cumprirse as expectativas existentes as obras poderían estar rematadas no mes de maio, moito antes do prazo previsto nun principio, xa que na actualidade lévase realizado máis do 80%. Deste xeito máis de dous mil veciños dos núcleos de Cespón e Abanqueiro contarán cun servizo da traída de auga en condicións, lonxe das frecuentes deficiencias rexistradas no abastecemento destas parroquias que contaba con infraestruturas obsoletas e insuficientes.

    Segundo o Director de Obra, Felipe de la Vega, a actuación contempla máis de 26 quilómetros de rede de tubaxe, que permitirán achegar a auga procedente do Ulla a estes núcleos boireses e así satisface-las súas necesidades.

    Servizos básicos no rural

    Con esta actuación, o executivo boirés segue na súa liña de proporcionarlle a tódolos cidadáns os servizos básicos con especial interese no eido rural.

    Neste sentido o executivo estuda a posibilidade de emprender en breve proxectos semellantes noutras zonas do municipio como é o caso da parroquia de Bealo. Segundo o alcalde, Xosé Deira, parece incomprensible como en pleno século XXI poden existir veciños que non dispoñan nas súas vivendas do servizos de auga potable e saneamento.

    Redacción Barbanza