Nando Casal: ‘Os veciños de Catoira sacaranlle a tarxeta vermella ó alcalde’

    CATOIRA > Nando Casal, membro fundador de Milladoiro, foi elexido o sábado candidato do BNG á alcaldía de Catoira.

    Cando tódalas apostas daban como candidato do BNG en Catoira ó actual voceiro municipal, Pepe Castaño, a agrupación nacionalista deu a sorpresa. O sábado houbo reunión da executiva local e dalí saiu un novo nome: o do músico Nando Casal, integrante de Milladoiro e, anque independente, ligado ó nacionalismo.

    tetenandocasal_300_300107.jpgEsta tarde Casal recibiu a Tele Salnés Barbanza na súa casa de Catoira, onde nos asegurou que leva moitos anos pensando en da-lo paso definitivo á política activa pero ‘compromisos persoais e profesionais llo impediran ata agora’. Esta vez síntese preparado e ademais cre que é o momento de relevar a Alberto García, ‘quen leva case 30 anos no concello, moitos deles como alcalde, e non fixo nada por mellorar este concello’.

    Tarxeta vermella

    Nando Casal asegura que nas pasadas municipais os veciños xa lle ‘sacaron a tarxeta amarela ó deixalo en minoría no goberno local’ e está seguro de que esta vez ‘sacaranlle a vermella e botarano da casa do Concello’. Por iso cre que é o momento de apostar por un cambio.

    Anque moitos membros do BNG de Catoira están exultantes co novo candidato, o certo é que ata o mesmo venres dábase por sentado que Pepe Castaño seguiría ó frente da agrupación nacionalista. El mesmo confirmaba o pasado mércores en Tele Salnés Barbanza que quería continuar para ver como valoraba o pobo o traballo destes catro anos. Sen embargo xa deixaba cae-la posibilidade de que houbese outra persoa interesada no posto, como foi o caso. A dúbida está agora en sabe-lo papel que desenvolverá o voceiro municipal e o seu grupo na nova candidatura e que segundo Nando será ‘moi importante’.

    Prestixio profesional

    Nando Casal conta cun gran prestixio profesional. Conseguiu múltiples premios e incluso un Goya á mellor banda sonora e ademais é moi coñecido e valorado en Catoira, onde rexenta unha farmacia desde hai vinte anos. Agora ten por diante o reto de arrebatarlle a alcaldía ó socialista Alberto García.

    Redacción Salnés