Catro lexislaturas ó fronte da alcaldía

    BIOGRAFÍA > Javier Gago, ademais de importantes proxectos, deixa atrás vinte anos dedicados á política municipal, catro como concelleiro da oposición e o resto xa desde a alcaldía de Vilagarcía. Durante estes anos tamén ocupou cargos de relevancia no goberno galego e foi deputado no Congreso.

    javiergago_300_200606.jpgNado en Vilagarcía de Arousa, o 1 de setembro de 1955, casado e con dous fillos, Joaquín Javier Gago López leva desde 1991 exercendo o cargo de alcalde deste concello. Pero no mundo da política municipal xa se iniciou en 1987. Ata 1991 foi concelleiro do PSOE na oposición con José Luis Rivera Mallo como alcalde.

    Durante esta época tamén estivo ó fronte da delegación provincial da Consellería de Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia, cargo que ocupou ata 1990. No 91 Javier Gago accedeu á alcaldía de Vilagarcía grazas ó pacto de goberno do PSOE, BNG, e Coalición Galega. Entre os tres grupos sumaban 11 concelleiros e desbancaron ó grupo de Rivera Mallo, que gañara esas eleccións con 10 edís.

    O pacto durou só dous anos, xa que en 1993 os concelleiros nacionalistas Carlos Núñez e Xurxo Abuín saíron do goberno municipal. Na seguinte lexislatura, Javier Gago renovou como alcalde xa con maioría, simple, pero con 10 edís no seu goberno. Triunfo que se revalidou na terceira lexislatura, acadando maioría absoluta e aumentando o número de concelleiros a 12. Foi nesta época, cando, Javier Gago compaxinou o seu labor de alcalde coa de deputado do Congreso, integrado no Grupo Parlamentario Socialista. Este apoio da cidadanía viuse mermado nas últimas eleccións municipais de 1999, na que quedou só con 9 concelleiros fronte ós 12 da oposición. Durante esta lexislatura deuse o paradoxo de que o PSOE contou en varias ocasións co apoio de IVIL para sacar adiante subas de taxas e orzamentos municipais.

    Pese á relación agridoce entre Javier Gago e Tele Salnés Barbanza, cómpre felicitar ó alcalde pola elegancia coa que informou da súa retirada.

    Redacción Salnés