Cambados aumenta o gasto social no 2016

    CAMBADOS> O cuatripartito de Cambados xa ten listos os seus primeiros orzamentos. Para este 2016, o concello contará con 9,4 millóns de euros, que supoñen 800 mil máis respecto das contas de 2015. Para o equipo de goberno son unhas contas austeras e transparentes, marcadas polas da lexislatura pasada. A súa intención é levalas ao pleno do xoves 25.

     

    O concello de Cambados disporá de 9,4 millóns de euros para este 2016. Supón  un incremento de 800 mil euros respecto dos orzamentos de 2015, e xa contempla a designación de 900 mil euros que achega a Deputación de Pontevedra, destinados ás obras da Praza de Abastos e investimentos en infraestruturas, vías públicas ou saneamento.

    As contas incrementan a partida de servizos sociais. Destinaranse 20 mil euros máis para o servizo de axuda no fogar, e 15 mil a maiores para o fondo de emerxencia social. Por primeira vez, a área de igualdade contará con 5.000 euros. As partidas para as asociacións benéficas e as becas para os estudios recibirán 40 mil e 18 mil euros respectivamente.

    A que se mantén é a partida de festexos, que acada os 275.000 euros. Aínda que o goberno asegurara que é excesiva, explicaron que está marcada por contas pendentes do anterior executivo, como o xantar do albariño de 2014.

    Unha partida que aumenta é a de gastos de persoal. 5.000 euros máis que compensan coa eliminación dos gastos en protocolo e das horas extra do persoal de confianza.

    Si recoñeceron que non se trata dos orzamentos participativos que buscaban ao principio da lexislatura. Aseguran que se debeu ao pouco tempo que tiveron para realizalos, e á falta de mecanismos xa deseñados para canalizar a participación veciñal.

    O cuatripartito trasladará a documentación ao Partido Popular o vindeiro luns. O orzamento levarase á aprobación do pleno do último xoves de febreiro e, despois, publicaranse tanto no Boletín Oficial do Estado como na páxina web do concello.

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/02febreiro/19/orzamentos_cambados.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/02febreiro/19/orzamentos_cambados.mp4{/flowplayer}