A Mancomunidade do Salnés votará a proposta vilagarciá de crear unha área metropolitana

179

VILANOVA> Gonzalo Durán levará ó pleno da Mancomunidade do Salnés a polémica proposta de crear unha área metropolitana encabezada por Vilagarcía. O presidente do ente supramunicipal entende que é o momento de que os concellos quiten as súas caretas e que opinen sobre a proposta do goberno vilagarcián. O tamén alcalde de Vilanova cualificou de ‘manobra política’ as intencións de Ravella.

Para o presidente da Mancomunidade do Salnés, detrás da proposta de Vilagarcía de crear unha área metropolitana para a xestión do transporte hai máis. Gonzalo Durán fala dunha manobra xestada dende Ravella e auspiciada polos outros gobernos socialistas da comarca. Apunta que a intención do executivo vilagarcián é absorver ó resto do Salnés para que sexan as demais vilas as encargadas de manter politicamente a Vilagarcía.

O presidente do organismo supramucipal di que o goberno vilagarcián pretende converter ó resto de Concellos en barrios dependentes da cidade, facerse co control da comarca -dixo-. Nese sentido, lembrou que na Mancomunidade tódolos concellos integrantes están en igualdade de condicións, ningún por riba doutro. O tamén rexedor vilanovés lanzoulle a Vilagarcía un convite á reflexión.

Gonzalo Durán advertiu textualmente que en Vilanova ‘nin de broma’ van acepta-la creación dunha área metropolitana liderada por Vilagarcía. Para deixar claras as posturas de cada municipio, anunciou que no vindeiro Pleno do Mancomunidade van trata-lo tema. Avanzou que se vai facer unha votación para que os concellos -dixo- quiten as caretas e amosen, con claridade, a súa postura.

O PP de Vilagarcía, mentres, lanzou hoxe un comunicado posicionándose, din, ‘indiscutiblemente’ a favor de que Vilagarcía sexa a cabeceira do futuro transporte comarcal. Dende as filas populares apuntan que nin o PSOE nin o rexedor da cidade poden marca-la folla de ruta da comarca porque, segundo indican, o seu modelo de cidade en materia de mobilidade é ‘un auténtico caos’.