O BNG aposta polo dereito a vivir dignamente da pesca

    RIBEIRA> A candidata do BNG ó Parlamento Europeo participou este domingo nun acto electoral en Ribeira no que animou á cidadanía a votar en contra dun modelo de Europa dominado pola dereita europea. Ana Miranda reivindicou o dereito a vivir dignamente en Galicia, referíndose á pesca e ó marisqueo tradicional como actividade estratéxica no Barbanza. Neste sentido, lembrou o traballo realizado pola formación nacionalista en Europa durante esta lexislatura onde reivindicou ‘un tratamento diferenciado e prioritario, con fondos específicos’ para a flota de baixura e para marisqueo a pé. A candidata referiuse á necesidade de garantir a denominación de orixe nas conservas galegas así como de apostar pola modernización e competitividade da flota en lugar de polo desguace dos barcos. A este respecto contrapuxo as políticas do Partido Popular ó que acusou de non defender os intereses dos galegos en casos como a estafa das preferentes ou os emigrantes retornados. Xunta á candidata ás europeas tamén participou no acto o voceiro nacional, Xavier Vence, quen centrou o seu discurso nas altas taxas de paro xuvenil que obriga a emigrar ós mozos.