Sanidade presentará o Plan Funcional do Salnés en abril

    joseemiliosantiago_pedrosoler_100_300107.jpgVILAGARCÍA > En abril presentarase o Plan Funcional do Hospital do Salnés, tal como adiantou hoxe o director provincial do Sergas …

    … de Pontevedra. José Emilio Santiago participou na presentación do balance de actividade deste hospital e dos centros de atención primaria de Arousa.

    Haberá que esperar tres meses para coñecer as necesidades da área sanitaria do Salnés e, en consecuencia, as actuacións a desenvolver no hospital comarcal. Segundo indicou hoxe o director provincial do Sergas de Pontevedra, José Emilio Santiago, nestes momentos estase a planificar a redacción do plan funcional deste centro e ata entón non se abordará o seu crecemento.

    Sanidade deu a coñecer hoxe o balance de actividade en 2006 tanto no hospital do Salnés como nos centros de atención primaria de Arousa. No caso do hospital, atendéronse máis de 87 mil consultas, un 15 por cento máis que no 2005. Houbo un total de 4.717 ingresos e na área cirúrxica atendéronse 5.557 casos. Nesta área destacouse a diminución da demora, pasando de 150 días en 2005 a 90 no 2006, cunha media de espera de 41,8 días. Destaca sobre todo o aumento no servizo de urxencias, un parámetro que tamén se deu nos PAC de Cambados e Vilagarcía.

    No caso do centros de atención primaria da área do Salnés, atendeuse a máis de 409 mil consultas, 22 mil máis que no 2005, ás que hai que engadir ás preto de 60 mil consultas urxentes atendidas nos dous PAC desta área, que comprende os concellos de Vilagarcía, Vilanova, Catoira, Cambados, Ribadumia e A Illa.

    Redacción Salnés