![]()
BOIRO > O grupo municipal do BNG de Boiro defendeu a xestión de Xosé Deira á fronte do goberno ante as críticas realizadas polo PP.
Sen intención de entrar en polémica, os nacionalistas quixeron responder ás acusacións realizadas polo voceiro do PP, Xoán Xosé Dieste, e o candidato á alcaldía por esta formación política, Luís Blanco Vila, sobre a xestión levada acabo polo BNG á fronte do goberno municipal.
Débeda millonaria
A concelleira de Economía, Dores Torrado, lembrou que cando Xosé Deira accedeu á alcaldía exisitía unha débeda de sete millóns e medio de euros, herdados dos anteriores gobernos do PP, ós que o entón tripartito tivo que facer fronte. Ademais, o Partido Popular, adxudicou obras sen consignar partidas presupostarias para realizalas polo que o goberno tivo que asumir o pago de dous millóns de euros máis, para cubri-la débeda coa empresa Necso pola construción da casa consistorial e paga-los terreos expropiados para a creación do parque da Cachada.
Pero segundo a edil de Economía, este non foi o único atranco xa que durante dous anos e medio, o goberno do PP na Xunta de Galicia desfavoreceu ó concello boirés, rexeitando os seus proxecto e paralizando as obras que xa se atopaban en execución. A situación mudou coa chegada do bipartito á administración autonómica no ano 2005, con máis de tres millóns de euros en subvencións para Boiro.
Inversións nas parroquias
Lonxe das afirmacións realizadas polos populares, os membros do consello local do BNG quixeron deixar claro que nestes tres anos e medio de goberno se teñen acometido obras moi importantes. Ademais das inversións en cultura, deporte e promoción social, os nacionalistas lembran a importante labor levada a cabo nas parroquias co obxectivo de achegar os servizos básicos e mellora-las condicións de vida de tódolos cidadáns.
O BNG considera que coa súa chegada ó goberno iniciuse unha nova forma de facer política baseada na transparencia, o diálogo e os valores éticos. Neste sentido, cren que as críticas formuladas pola oposición carecen de base, tendo como único obxectivo xerar dúbidas sobre a xestión do goberno encabezado por Xosé Deira.
Redacción Barbanza







