Veciños do Pazo reclaman máis seguridade na CP-7.202

    RIANXO > Veciños do lugar do Pazo en Rianxo reclaman a adopción dunha serie de melloras na estrada provincial CP-7.202 que veñan a mellora-la seguridade vial neste tramo de entrada á localidade no que se produce un alto número de accidentes. Esta non é a primeira vez que denuncian esta situación.

    Dende hai tempo os veciños do lugar do Pazo en Rianxo veñen reclamando a adopción urxente de medidas de seguridade que eviten que os vehículos circulen a gran velocidade pola estrada CP-7.202.

    Nos últimos anos producíronse numerosos accidentes, con dous atropelos mortais e varias colisións importantes, a última delas hai apenas unha semana. Segundo os veciños, non houbo resposta das administracións competentes, tanto o concello como a Deputación Provincial, para palia-lo problema, agás a presenza da Policía Local nalgunhas ocasións.

    Este tramo de estrada, onde se acadan altas velocidades, conta cun cambio de rasante e varios cruces con pouca visibilidade, que acrecentan o risco e a perigosidade.

    O Grupo Municipal do BNG tamén vén de facerse eco do problema reiterando a necesidade de que a Deputación Provincial incorpore medidas radicais e eficaces para mellora-la seguridade vial na zona.

    Segundo os nacionalistas este organismo contempla realizar en breve obras de mellora do firme da estrada no lugar e un novo tratamento da travesía, polo que sería o momento axeitado para interviz de forma eficaz sobre a seguridade vial no Pazo.

    Para os membros do BNG rianxeiro non abonda con medidas temporais senón que urxe adoptar medidas permanentes que garantan a seguridade para os peóns que cruzan tódolos días polos pasos de cebra alí existentes.

     

    Redacción Barbanza