O BNG de Ribeira pedirá explicacións ante a limitación do acceso ó recheo portuario

RIBEIRA> O BNG de Ribeira pedirá explicacións ó goberno local sobre as posibles restricións de acceso ó tráfico rodado no recheo portuario. Os nacionalistas expresaron a súa inquedanza trala recente colocación de sinais que prohiben a circulación pola zona.

A recente instalación de sinais no recheo portuario de Ribeira limitando o tránsito rodado só ós aboados espertou a preocupación do BNG que pedirán explicacións ó alcalde sobre as intencións de Portos con respecto a esta zona.

Consideran que se efectivamente se prohibe a circulación por esta zona, o tráfico en Ribeira empeorará aínda máis agravando os problemas circulatorios que xa presenta o casco urbano. A este respecto, os nacionalistas demandan maior inversión no mantemento dos peiraos, a mellora do alumeado, e a seguridade; necesidades que si presenta o porto.

No seu lugar acusan a Portos de Galicia e o concello están máis centrados en acometer actuacións non consensuadas e que xeran malestar entre a veciñanza como xa aconteceu co porto de Palmeira, onde se instalaron unha serie debancos e bolardos que finalmente tiveron que ser reordenados.