Flor de Toxo recuperará a tradición da comparsa de cabezudos

     RIBEIRA> As festas de Ribeira recuperarán unha vella tradición grazas á asociación xuvenil Flor de Toxo e a colaboración da Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia.

    {flowplayer}barbanza/actividadesxuvenisribeira.flv{/flowplayer}

    ‘Mozos con idea, mozos con cabeza’ é o título do proxecto presentado pola asociación xuvenil Flor de Toxo que ten por obxectivo a organización dun obradoiro de xigantes e cabezudos de cara a recuperar a comparsa que antigamente participaba nas festas do verán de Ribeira.

    O obradoiro, que será impartido por Gonzalo Sarasquete, enmárcase no programa europeo ‘Xuventude en Acción’ coordinado pola dirección xeral de xuventude e voluntariado. O propio director xeral quixo estar presente na presentación desta iniciativa que amosa a capacidade da mocidade galega de organizarse e levar a cabo proxectos tan interesantes.

    Do mesmo xeito, o alcalde de Ribeira quixo felicitar á asociación por contribuír a recuperar tradicións que forman parte da historia de Ribeira.

    Fondos europeos

    O orzamento para levar a cabo este proxecto é de cinco mil seiscentos euros procedentes dos fondos europeos de ‘Xuventude en Acción’. Ó longo de 2012 Galicia foi unha das comunidades máis participativas neste proxecto situándose como a terceira autonomía de España que máis fondos executou.

    Ademais da liña de axudas de Europa, o director xeral de xuventude anunciou a convocatoria da ‘Iniciativa Xove’ da Xunta de Galicia destinada tamén a proxectos desenvolvidos por mozos galegos.

    Redacción Barbanza