O museo Valle-Inclán amplía os seus fondos cun novo manuscrito do escritor

    POBRA > O museo Valle-Inclán da Pobra  vén de ampliar os seus fondos cun documento manuscrito de gran valor.

    Trátase dunha carta escrita polo autor arousán a Manuel Azaña, datada no oito de agosto de 1935, que podería tratarse dunha das súas últimas epístolas xa que faleceu en xaneiro do 36. A adquisición deste documento, por un importe de cinco mil euros, foi posible grazas ó patrocinio de catro empresas da localidade.

    Ademais do gran valor histórico e literario deste documento que, a partir de agora pasará a engrosa-los fondos do museo pobrés, o contido da carta amosa a cara menos coñecida de Ramón María del Valle-Inclán.

    Na súa epístola a Manuel Azaña, o escritor fai gala dun ácedo sentido do humor postulándose ó lado da esquerda republicana, a pesar da fama de conservador que na actualidade acompaña a figura de Valle. Dado que se trata dunha comunicación entre amigos, o autor desprega o seu estilo máis informal e incluso hai lugar para a emotividade cando relata a escasa efectividade do seu tratamento contra o cancro.

    O documento, de seis folios de extensión, vén completar unha serie de cartas que xa posuía o museo. Con esta, xa son cinco as epístolas que se poden contemplar na base documental do museo, converténdoo nun centro de referencia a nivel nacional.

    Colaboración empresarial

    A adquisición do manuscrito, valorado en cinco mil euros, foi posibles grazas á colaboración das empresa Congalsa, Plexius Tecnoloxía, Asesoría Noray e Cámping Ría de Arousa 2 que financiaron integramente a compra. A libraría Couceiro de Santiago realizou as labores de intermediario para a adquisición do documento nunha subasta, que ata o de agora estaba en poder dun coleccionista privado.

    A Concelleira de Educación, Encarnación González, fixo un chamamento ó sector empresarial para implicarse neste tipo de iniciativas que contribúen a enriquecer o patrimonio público de tódolos pobreses.

    Redacción Barbanza