O Cantón da Leña acollerá o 17 de maio unha feira tradicional co gallo das Letras Galegas

A POBRA> A Pobra ofertará durante todo o mes de maio unha ampla programación cultural ó redor das Letras Galegas. Dende o concello quixeron implicar ó tecido asociativo nas diferentes actividades así como ós centros educativos.

Un dos actos máis destacados da programación cultural deste mes de maio será a inauguración da exposición coas obras presentadas ó decimo oitavo Certame Isaac Díaz Pardo que convoca a Deputación da Coruña. Será este venres día 10 a mediodía e pola tarde, a partir das oito e media, proxectarse no Cine Elma o documental Voces da Conserva.

En canto á colaboración cos centros escolares, ademais de agasallar con libros ó alumnado de infantil, organizouse un xogo para os escolares de primaria que leva por título Marabillas de Galicia.

O día 16 presentarase no auditroio do Museo Valle-Inclán a biobibliografía de Luisa Villalta por parte da súa autora, Esperanza Mariño. E o propio día das Letras Galegas celebrarase unha feira no Cantón da Leña con música e baile tradicional e postos de artesanía e gastronomía.

 O sábado 18, os máis pequenos gozarán de xogos tradicionais populares no Parque do Castelo mentres que o domingo 26 de maio Bradomín Teatro representará a obra ‘Unha residencia con moita marcha’ no cine Elma. A programación chegará á súa fin o 30 de maio coa presentación do libro ‘Fóra de Xogo’ de José Luís Baños, gañador do Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro.