RIBEIRA> O Partido Popular aposta pola renovación na súa candidatura ás eleccións municipais. Caras novas na súa maioría, especialmente nos postos de saída coa incorporación de María Sampedro, Ana Ruíz e Ramón Doval.
Estes tres nomes que acompañan a Manuel Ruíz na parte alta da lista dan o salto á política municipal por primeira vez. A renovación que supoñen os postos de saída, combinarase tamén coa experiencia de actuais concelleiros como Emilio Pérez Outeiral, Victor Reiriz ou Elvira Pereira. Pecha a lista todo un peso pesado, a actual conselleira de Política Social, Fabiola García, que iniciou a súa carreira política da man do propio Manuel Ruíz coma tenente de alcalde. Coa combinación de xuventude e experiencia, desta candidatura integradora con lixeira maioría feminina, once mulleres e dez homes, o Partido Popular pretende recuperar o peso perdido nas pasadas eleccións e volver facerse co bastón de mando dun dos concellos con máis peso e poboación de toda a comarca.