A Pobra homenaxea á súa veciña máis lonxeva

    POBRA > O concello da Pobra rendeu unha homenaxe á súa veciña máis lonxeva, Benita Lago García, que acaba de cumprir cen anos.

    Cunha saúde envidiable, Benita Lago García, celebrou o seu cen cumpreanos rodeada da súa familia. Pero ademais recibiu unha visita moi especial; a do alcalde, Isaac Maceiras, e as concelleiras de Servizos Sociais e da Muller, Rosa Fernández e Isabel González Barral, que non quixeron perde-la ocasión de celebrar o aniversario da veciña máis lonxeva da Pobra. Alí, brindaron con champán e sopraron as velas mentres compartiron anécdotas dun século de vida cheo de historias.

    Hai cen anos que Benita Lago viña ó mundo na parroquia pobresa do Xobre, onde viviu toda a súa vida, traballando no campo. Casou e tivo un fillo, Florencio, co que vive na actualidade na compaña da súa nora, María Dolores, e os seus netos, Florencio, José Manuel e Andrés. Benita lembra cunha lucidez absoluta anécdotas do seu século de vida. Sobre todo, destaca o seu talante conciliador e o querida que se sentiu na Pobra durante toda a súa vida xa que nunca tivo problemas con ningún veciño.

    Ós seus cen anos, Benita goza dunha saúde envidiable e a súa única eiva é a vista a causa dunhas cataratas. Sen embargo, e a pesar de que hai dous anos que sufriu unha rotura de cadeira, conserva intacta a súa mobilidade e, sobre todo, o seu sentido do humor.

    O alcalde e demais representantes da corporación municipal fixéronlle entrega a Benita nesta data tan sinalada dun ramo de flores e unha tarta e despedíronse dela ata o seu vindeiro cumpreanos. Visto o visto, a aboa da Pobra sóbranlle forzas para sopra-las candeas moitos aniversarios máis.

    Redacción Barbanza