Os noieses rexeitan o trazado da variante interior proposto pola Xunta

manifestacionnoia_100_120207.jpgNOIA > Centos de persoas manifestáronse na alameda noiesa en contra do trazado da variante interior.

Os afectados instan á administración autonómica a retomar o anterior proxecto, que contemplaba a circunvalación cunha ponte sobre a ría posto que, ademais de menos custos, suporía menor impacto medioambiental, urbanístico e patrimonial. 

Baixo o lema ‘Noia unida pola ponte e pola defensa do patrimonio do rural’, centos de persoas acudiron á manifestación convocada polas asociacións veciñais do municipio para amosar o seu descontento coa variante interior proposta por Política Territorial.

Os manifestantes quixeron deixar claro que os noieses si queren unha variante que resolva os problemas de tráfico no concello pero non están de acordo co proxecto deseñado pola administración autonómica. Segundo os afectados, o novo trazado, ademais de máis longo, é moito máis custoso e a súa execución traería consigo un importante impacto medioambiental e patrimonial así como a afección a numerosos núcleos de poboación.

Para os veciños, a solución pasa por retomar o anterior proxecto, que contempla a construción dunha ponte sobre a ría, para resolver así os problemas de circulación sen prexuízo para os cidadáns.

Máis de tres mil alegacións

manifestacionnoia_200_120207.jpgO proxecto proposto por Política Territorial recibiu máis de tres mil alegacións por parte dos colectivos veciñais do municipio. O concello remitiu ós documentos á Xunta de Galicia que aínda non se pronunciou ó respecto.

O alcalde noiés, Antonio Pérez Insua, confía en que a administración autonómica teña en conta as demandas dos veciños e retome o proxecto inicial.

Á espera de ser escoitados polo goberno da Xunta, os afectados pola variante pensan seguir manifestándose como medida de presión. Na actualidade afirman sentirse totalmente abandonados, posto que a pesar que xa solicitaron un encontro coa Conselleira de Política Territorial ninguén se puxo en contacto con eles para explicarlles as vantaxes deste proxecto, para eles inexistentes.

Pola súa banda, o deputado autonómico do PSOE, Xosé Manuel Lage Tuñas, expresou o máximo respecto do seu partido polos afectados e explicou que ‘a Xunta estudiará coa máxima atención as alegacións presentadas polos posibles afectados, coa idea de executar o proxecto nos prazos previstos, contribuindo deste xeito ó desenvolvemento económico e social de Noia e da comarca’.

Redacción Barbanza