Os pobreses desfrutarán da praza Victoriano Gª Martí en abril

    obrasvictorianogarciamarti_100_120207.jpgPOBRA > O executivo confía en que a Praza Victoriano García Martí estean rematadas antes da Semana Santa.

    De continuar ó ritmo actual co que se desenvolven os traballos e de non producirse ningún contratempo a empresa Oys Noroeste, concesionaria das obras de remodelación e acondicionamento da Praza Victoriano García Martí, poderían estar rematadas antes de Semana Santa. Así o confirmou o propio rexedor pobrés, despois de conversar cos responsables da construtora.

    As obras virán a darlle unha solución definitiva a esta praza, na que non existía unha delimitación específica para o tránsito dos peóns, ateigada de vehículos estacionados que impedían en numerosas ocasións unha circulación fluída pola zona.

    Novo espazo de lecer

    Coa actuación, presupostada en máis de 196 mil euros, dos cales aproximadamente uns 137 mil serán aportados pola Consellería de Innovación e Industria, prevese tamén a substitución do actual pavimento de formigón en mal estado por un de pedra do país máis acorde co carácter peonil da praza, creando á súa vez un espazo de lecer, no que se instalará tamén novo mobiliario urbano como bancos, papeleiras, farolas e zonas axardinadas. Aproveitando as obras procederase tamén á instalación da rede do operador telefónico R.

    Con esta actuación o executivo continúa a liña iniciada hai uns anos con proxectos de peonalización ou semipeonalización de rúas e prazas do casco urbano da vila, encamiñada a revitaliza-lo pequeno comercio, como se fixo con anterioridade noutras zonas como é o caso da Praza do Cantón da Leña, na Praza das Cinco Calles, a rúa Estremo ou mesmo na Praza Valle-Inclán.

    Redacción Barbanza