NOIA> O PP de Noia saíu ó paso das informacións que cuestionaban os gastos en hostalería realizados polos populares con cargo á asignación do grupo político. O seu voceiro presentou facturas similares presentadas polos grupos da Marea e do PSOE, ós que acusa de emprender unha campaña de difamación en contra do anterior executivo.
Os concelleiros do grupo popular comparecían esta mañá para criticar a dobre moral do actual goberno municipal trala polémica xurdida en torno ás facturas que recollían gastos en hostalería e outros servizos. Gastos da mesma natureza que os presentados polos grupos de PSOE e Marea con cargo á asignación de cada grupo político.
Os populares van máis aló sinalando que varias das facturas foron xustificadas por empresas e sociedades vinculadas con integrantes de ámbalas dúas formacións políticas.
Se ben estas prácticas non incorren na ilegalidade, posto que cada grupo decide o destino da asignación pública que reciben do concello, o PP critica que o actual goberno faga un uso partidista e difamatorio das facturas cando PSOE e Marea presentaron gastos semellantes.











