LOUSAME> Un total de 130 corredores tomaron parte onte domingo no Trail de lousame. A carreira, como en edicións anteriores, dividiuse en dúas probas. Un trail longo de preto de 26 quilómetros e outro curto de 17.
A vitoria no primeiro deles foi para os atletas Alexandre Otero do Triatlón Rianxo e Verónica Calvo CDM Vértice.
Por detrás deles entraron, en categoría masculina, Pablo Fernández e Tote Díaz.
En féminas completaron o podio Sabela Pensado e Lucía López.
En canto ó trail curto, os gañadores foron Álvaro Campos e Inés Ramos.
A carreira disputouse sen incidencias, máis alá dalgún abandono por lesión, unicamente houbo que salientar un pequeno incidente, xa que a proba foi obxecto dun intento de sabotaxe antes do inicio, na madrugada, pois movéranse varios indicadores que foran colocados para a marcaxe da carreira.
Por fortuna puideron ser detectados a tempo, polo que a proba puido disputarse sen ningún tipo de problema.
A organización, neste caso o Concello, presentou a correspondente denuncia na Garda Civil, co fin de que se realice unha investigación para dar co posible autor ou autores dos feitos.
Rematada a carreira, procedeuse á entrega de premios, na que tomaron parte varios membros do equipo de goberno, entre eles o tenente de alcalde, Ramón Martínez, e o edil de Deportes, Jesús Martínez.
Dende o Concello agradecen especialmente a colaboración de distintas empresas e casas comercias, así como tamén dos máis de cincuenta voluntarios, xa que sen a súa axuda, sería imposible poder desenvolver esta proba.