Unha inversión de 750 mil euros mellorará a seguridade en Santa Cruz

    estradasantacruz_100_130207.jpgPOBRA > A Deputación da Coruña investirá máis de 750 mil euros no proxecto de alongamento e mellora da estrada CP-6702, na parroquia de Santa Cruz.

    A aprobación do proxecto será levada ó pleno provincial o vindeiro 22 de febreiro e está previsto que o presidente da Deputación coruñesa, Salvador Fernández Moreda, visite a Pobra o vindeiro día 27 de febreiro para expoñer as características da actuación.

    Na actualidade, a estrada CP-6702 conta cunha amplitude media de catro metros e medio e carece de beiravías. Estas características supoñen un importante risco posto que nesta zona se concentra unha gran densidade de tráfico peonil. O deseño do novo proxecto opta por unha sección transversal mínima dotada de dous carrís de circulación de tres metros cada un e beiravías en cada marxe de metro e medio. Nos tramos máis dificultosos tratarase de manter, cando menos, un ancho de seis metros e no caso de ter que demoler tramos de pechamentos de fábrica ou vexetación, así como rampas de acceso, está prevista a súa reposición.

    A obra, que se levará a cabo nun tramo de dous quilómetros e medio de longo, suporá un investimento de 752 mil euros e conta cun prazo de execución de nove meses.

    En canto á dispoñibilidade dos terreos, o executivo ten previsto inicia-la negociación cos propietarios que xa teñen amosado a súa intención de colaborar no proxecto. De feito, esta obra suporá unha importante mellora para os veciños de Santa Cruz que levaban anos reclamando máis seguridade nesta estrada que soporta un importante volume de tráfico rodado e peonil, especialmente durante o verán xa que conduce ás piscinas naturais do río Pedras. O alcalde, Isaac Maceiras, amosouse tamén moi satisfeito por que a obra poida sen acometida nun breve prazo de tempo.

    Redacción Barbanza