BOIRO > A Consellería de Vivenda xa rematou a actualización do proxecto de urbanización ada segunda fase do polígono industrial de Espiñeira no que se investirán máis de catro millóns de euros.
A Consellería de Vivenda e Solo enviou hoxe ó concello de Boiro para a súa tramitación o proxecto de urbanización actualizado correspondente á segunda fase do parque empresarial de Espiñeira. O proxecto orixinal databa do ano 1996 e estaba xa desfasado, polo que a Consellería decidiu actualizalo para que este polígono contara coas infraestruturas máis axeitadas. O novo proxecto de urbanización corrixe ó anterior e contempla por exemplo o acondicionamento das parcelas resultantes, de forma que os adxudicatarios non teñan que facer movemento de terras adicional para a construción das súas instalacións. Tamén supón unha mellora na calidade das instalacións eléctricas e de telefonía para que as empresas teñan uns servizos óptimos. A segunda fase do parque empresarial boirés conta con 70 mil metros cadrados, dos que aproximadamente uns 54 mil serán de uso empresarial e o resto para vías, aparcadoiros e zonas verdes. Contará con 24 parcelas dunha superficie que oscila entre os 1.500 e os 3.000 metros cadrados. A Consellería de Vivenda e Solo é propietaria ademais do 53% dos terreos do ámbito no que se vai a desenvolver esta actuación. O resto, uns 37.727 metros cadrados, serán adquiridos mediante un expediente de expropiación, que neste momento está en exposición pública, para posibles alegacións dos afectados, exposición que se prolongará ata o vindeiro 26 de febreiro. Unha vez que a Consellería teña adquirida a totalidade dos terreos necesarios, e o concello de Boiro aprobe o novo proxecto de urbanización, procederase a contratar a execución das obras de urbanización. O Departamento que dirixe Teresa Táboas destinará un investimento de 4 millóns de euros a esta actuación. A realización destes traballos terá un prazo de execución de 6 meses e a Consellería estima o seu inicio antes do verán. Deste xeito o Parque Empresarial de Boiro, despois de efectuada a ampliación, contará cunha superficie total de 240 mil metros cadrados, dos que aproximadamente uns 229 mil serán de uso empresarial e albergarán 67 parcelas.
Redacción Barbanza