Jealsa segue medrando a pesar da crise

    BOIRO> O grupo conserveiro Jealsa segue a medrar converténdose nun exemplo de superación da crise. A empresa rexistrou un incremento dun doce por cento de vendas no último exercicio. Cifra que agardan incrementar ó longo deste ano grazas á compra do cincuenta por cento do seu socio italiano, Mareaperto. Jealsa celebraba esta fin de semana a súa festa anual que fóra aprazada a finais do pasado ano debido ó naufraxio do Paquito Número dous. No acto de presentación de resultados, a dirección da empresa puxo de manifesto a tendencia positiva do grupo conserveiro que pechou o pasado exercicio con moi bos resultados. En canto á produción, incrementouse nun sesenta e dous por cento o volume de procesado. Medra tamén o conxelado nun dez por cento e a produción de atún sube dez puntos grazas á distribución á cadea de supermercados Mercadona. O incremento das vendas nun doce por cento supón tamén un importante pulo para Jealsa que ten entre as mans un innovador proxecto de cara á mellora da comercialización. Trátase da posta en marcha do observatorio de trazabilidade, impulsado por ANFACO, que busca minimizar a competencia desleal no sector conserveiro. Ó longo do pasado ano Jealsa destacou tamén polo seu investimento en innovación, sostibilidade e prevención reducindo os sinistros nun trinta por cento. Trala presentación dos datos, tanto a nova directiva como os traballadores renderon unha sentida homenaxe a Jesús Alonso, presidente de honra do grupo.