O parque de San Roque converterase nun polo de atracción de visitantes

    RIBEIRA > O executivo local ten previsto acometer unha serie de actuacións no actual parque periurbano de San Roque coa finalidade de revalorizar este espazo público e promociona-lo seu patrimonio artístico, histórico, cultural e natural.

    Co obxectivo fundamental de converte-lo actual parque periurbano de San Roque nun polo de atracción de visitantes, tanto da comarca do Barbanza como fóra dela, o executivo ribeirés vai poñer en marcha unha serie de accións que consigan revalorizar este espazo público para conseguir entre outros aspectos que se convirta nun centro de educación ambiental que funcione tamén na época invernal.

    Centro de Interpretación Arqueolóxica

    Boa parte das accións que se desenvolverán no parque irán encamiñadas ó fomento das actuais instalacións do Centro de Interpretación Arqueolóxica, un edificio de carácter didáctico e lúdico no que se pretende dar a coñecer á poboación de tódalas idades a gran riqueza arqueolóxica do concello. A súa estratéxica ubicación terá moito que dicir. Na actualidade o Centro funciona tamén coma un servizo de atención e información ó visitante, tanto sobre o propio parque como tamén do resto do concello ou da comarca, dispoñendo de numeroso material que sirve de soporte informativo para os visitantes. As persoas que o desexen tamén poden realizar visitas guiadas ó Centro de Interpretación, así como tamén ó propio parque, existindo tamén unha serie de rotas e percorridos por distintas zonas do municipio.

    Proxectos inmediatos

    O executivo ribeirés está a traballar agora na realización de melloras e de novos proxectos para este edificio como poden ser a conversión da actual sala de conferencias nunha aula multimedia ou a realización dunha nova exposición permanente que terá unha dobre temática, por unha banda estará representada a vexetación e a botánica do parque e pola outra estará centrada na etnografía de Ribeira. Outra das accións nas que tamén se está a traballar será un proxecto educativo para os colexios de primaria da zona co que se pretende garantir a conservación e difusión do entorno a través da educación, a cultura, o patrimonio e a interpretación medioambiental.

    Redacción Barbanza