Santiago Carballo promete un PXOM e servizos básicos para Portas

    santiagocarballopsoeportas_100_160207.jpgPORTAS > Santiago Carballo repetirá como cabeza de cartel polo PSOE en Portas. O candidato presentouse este mediodía …

    … en rolda de prensa acompañado por Juan Francisco Froján, secretario comarcal socialista en Ulla Umia, e polo deputado autonómico Antón Louro.

    O PSOE aposta novamente por Santiago Carballo para arrebatarlle a alcaldía a Roberto Vázquez en Portas. ‘O traballo na oposición nestes catro anos foi interesante e agora ha de plasmarse como alcalde’, indicou o secretario comarcal en Ulla Umia, Juan Francisco Froján. Para o PSOE Carballo ‘é a persoa idónea para encabezar unha candidatura renovada, con esperanza para Portas e que vai contar co apoio do partido’, engadiu Froján.

    louro_carballo_frojan_200_160207.jpgO candidato Santiago Carballo agradece esta confianza e explica que acepta o reto porque parten cuns obxectivos claros para ‘sacar a Portas do atraso no que está asumida despois de 15 anos de goberno popular’. Afirma que non vai ser doado levar adiante este concello ‘porque non hai recursos, a débeda municipal é tremenda’. Por iso anuncia que a súa primeira medida, en caso de acceder á alcaldía será ofrecer unha xestión o máis clara posible, ‘non como agora que pides un dato e non cho dan xamais’.

    Carballo denuncia que actualmente Portas carece de servizos básicos e por iso comprométese a dotar de sumidoiros, abastecemento de auga potable e beirarrúas ó municipio. Fomentar a relación coas asociacións deportivas e culturais e coas comunidades de veciños, favorecer o acceso ás novas tecnoloxías e a asistencia a persoas maiores, son algúns dos piares do seu programa electoral. Pero o máis importante será a redacción das normas urbanísticas municipais, xa que segundo denuncia, o goberno actual ‘leva dez anos redactándoo e xa llo rexeitaron catro ou cinco veces, e iso co PP na Xunta’. Carballo considera esencial redactar un Plan Xeral de Ordenación Municipal coa colaboración das forzas vivas do concello ‘para clarexar onde se pode construír e para crear solo empresarial e traer así postos de traballo a Portas’.

    O PSOE cre que gañará en boa parte dos concellos galegos, xa que segundo indicou o deputado Antón Louro, e número 2 por Pontevedra na lista de Teresa Casal, ‘en fronte temos un PP en franca descomposición, un partido podrido que perde día a día a confianza dos cidadáns’.

    Redacción Salnés