O entorno do mozo falecido en Ribeira pide que se depuren responsabilidades

    RIBEIRA > O Xulgado de Instrución Número 3 de Ribeira segue á fronte da investigación para determina-las causas da morte de Íñigo Castro Brión

    … que faleceu a madrugada  do pasado martes por mor dunha descarga eléctrica. As pescudas axudarán a esclarecer se houbo neglixencia na instalación do alumeado da carpa instalada para a celebración da festa de entroido, onde se produciu o tráxico suceso.

    Non era a primeira vez que a estrutura metálica da carpa instalada na Rúa Portugal emitía descargas. Algúns mozos ribeireses afirman que esta situación xa se producira durante a noite de Fin de Ano, cando tamén se instalou a carpa para acoller o baile e durante o luns de entroido moitos dos que pasaron polo recinto recibiron cambras ó tocar a farola e os postes de metal.

    Mentres estes casos quedaron en simples anécdotas, quixo a mala sorte que o de Íñigo Castro se convertese nun tráxico accidente mortal. Ben por neglixencia ou ben pola suma de fatais circunstancias, o mozo de 36 anos atopou a morte na madrugada do martes cando celebraba o entroido.

    Atopábase agarrado dunha farola e levaba na cabeza un casco metálico cando se apoiou na estrutura metálica da carpa municipal. Foi entón cando recibiu unha forte descarga eléctrica que o tirou ó chan. Ó principio, os amigos que o acompañaban pensaron que se trataba dunha broma pero ó momento constataron a gravidade dos feitos e trasladárono ata o centro de saúde onde xa ingresou cadáver.

    Instalación deficiente

    amigosfalecidocorrubedo_300_210207.jpgAs testemuñas presenciais consideran que non se tratou dun feito fortuito posto que o sistema de alumeado era deficiente, con cables soltos e que a farola en cuestión levaba emitindo descargas dende hai días.

    Pola súa banda, o concello non quixo facer unha valoración oficial ata que conclúan as investigacións xudiciais aínda que emitiu un comunicado expresando as súas condolencias ós familiares da vítima e a vontade firme de esclarecer os feitos e depurar as responsibilidades que correspondan.

    Redacción Barbanza