Un colapso en urxencias obriga a habilitar salas de espera para ingresos

    urxenciashospitalbarbanza_100_210207.jpgBARBANZA > A saturación de pacientes experimentada polo hospital hai unha semana obrigou a habilitar dúas salas de espera para o ingreso de varios enfermos.

    O pasado domingo 11 de febreiro acumulábanse na sala de espera das urxencias do hospital barbanzán máis de vinte pacientes que precisaban atención inmediata. A saturación deste centro, unida á que tamén experimentaba o hospital de referencia ó que tiñan que ser derivados, o Clínico de Santiago, obrigou á dirección a habilitar salas de espera para o ingreso dos pacientes.

    Posto que non había camas dispoñibles, os enfermos foron instalados temporalmente en andas aportadas por Protección Civil e a Residencia da Terceira Idade e as dependencias foron dotadas de todo o material necesario.

    Ademais duplicouse o persoal sanitario e de limpeza para proporcionar a asistencia axeitada ós pacientes, que se amosaron moi satisfeitos coa atención dispensada.

    Situación atípica

    hospitalbarbanza_200_210207.jpgA xerente do centro hospitalario, Rosario Vázquez, atribúe esta situación a un momento puntual determinado polo incremento das afeccións respiratorias e da gripe.

    A pesar da sobrecarga asistencial considera que a atención foi correcta en todo momento polo que non entende as críticas formuladas polo deputado popular, Manuel Ruíz, sobre estas ‘áreas de hospitalización improvisadas’ sobre as que presentará unha pregunta no pleno do Parlamento.

    Vázquez considera que o obxectivo do PP con esta iniciativa non é mellora-lo benestar dos pacientes e a calidade asistencial do centro senón o mero interese electoralista.

    Redacción Barbanza