A. Pontón: ‘Adolfo Muíños é a mellor opción para que Rianxo siga avanzando’

RIANXO> A voceira nacional do BNG participou esta fin de semana na presentación oficial da candidatura de Muíños.

Nun acto celebrado no auditorio municipal con simpatizantes e militantes, no que non faltaron pesos pesados da formación a nivel comarcal e mesmo autonómico, como é o caso da propia voceira nacional, Ana Pontón, o BNG de Rianxo presentaba oficialmente a candidatura de Adolfo Muíños. O actual alcalde, que aspira a repetir por terceira vez á fronte do Concello, agradeceu a confianza da militancia a nivel local por ter confiado nel para volver a encabezar a lista do partido ós vindeiros comicios municipais. Ós veciños comprométese a seguir traballando en favor dos intereses do municipio, como veu realizando estes anos á fronte do Concello.

Pola súa banda, Ana Pontón, destacou o feito de poder participar na presentación da candidatura de Adolfo Muíños, a quen definiu como un valor seguro e a mellor opción para que Rianxo siga avanzando e mellorando.