Primeiros pasos para a construción dunha nova depuradora en Boiro

    depuradoraboiro_100_220207.jpgBOIRO > O executivo boirés ten previsto realizar un estudo para a construción dunha nova depuradora municipal.

    Así o anunciou o edil de Obras e Servizos, Xoán Xesús Ares, despois de reunirse co Director Xeral de Augas de Galicia, José Luís Romero Valeiras, que se amosou moi favorable a este proxecto.

    O primeiro paso será atopar unha ubicación axeitada e poñe-los terreos a disposición da Xunta de Galicia para acomete-lo proxecto. O executivo estuda agora a súa posible ubicación, barallándose varias zonas próximas á costa como poden se-la península do Chazo ou na zona do Bodión.

    Os trámites para levar a cabo esta obra poderían verse ralentizados un par de anos, xa que sería necesario poñer a disposición da Xunta os terreos necesarios para a construción, así como tamén os estudos de impacto ambiental.

    Melloras na actual estación

    Mentres non se materializa esta opción, o concello boirés ten previsto levar a cabo unha mellora da actual EDAR situada en Cabo de Cruz. En total investiranse máis de 600 mil euros nesta depuradora co fin de mellora-lo seu servizo actual, e así causarlle os menos prexuízos posibles ós veciños desta parroquia, que en máis dunha ocasión se mobilizaron polo mal funcionamento e os problemas de cheiros e vertidos desta instalación.

    Na xuntanza co Director Xeral de Augas de Galicia, Xoán Xesús Ares, tamén abordou outros asuntos de importancia para o municipio, entre eles os proxectos que este departamento está a desenvolver no municipio como é o caso das obras de abastecemento de auga ás parroquias de Cespón e Abanqueiro cun presuposto superior ós 860 mil euros e que está a piques de rematarse.

    Na reunión José Luís Romero Valeiras confirmoulle tamén ó edil de Obras boirés a adxudicación á empresa GAOS por importe de 150 mil euros do separativo de pluviais en Boiro de Arriba, así como o primeiro tramo do saneamento integral da cnca do río Coroño por importe de 600 mil euros.

    Redacción Barbanza