A Fieteira contará cun módulo cuberto para atletismo e deportes de combate

RIBEIRA> O complexo deportivo da Fieteira en Ribeira contará cun novo módulo cuberto destinado á práctica de atletismo e deportes de combate. As obras para a ampliación das instalacións suporán un investimento superior ós 800.000 euros e poderían estar en marcha o próximo verán.

Se os prazos transcorren segundo o previsto, a Seceraría Xeral para o Deporte da Xunta e o concello de Ribeira asinarán a principios de ano un convenio para a ampliación do complexo deportivo da Fieteira. A actuación, orzamentada en máis de oitocentos mil euros, consistirá na construción dunha nova edificación de dúas plantas destinada á práctica de atletismo e deportes de combate.

Será un inmoble independente aínda que conectado interiormente co actual edificio. Disporá de 1900 metros cadrados distribuídos nunha superficie para a práctica homologada de distintas especialidades de atlesismo como velocidade, lanzamento de pesos e saltos, un ximnasio, vestiarios e tres tatamis.

As obras, que poderían comezar a executarse durante o próximo verán, obrigarán tamén a reorganizar a zona exterior para dotar ó recinto dun número de prazas de aparcamento semellante ó actual. Con esta actuación, o complexo polideportivo segue a sumar servizos trala recente posta en marcha dun circuíto de pumptrack para ciclistas e patinadores.