BARBANZA> Despois de meses de negociacións, e mesmo cunha folga de por medio, os bombeiros pertencentes ó Consorcio Provincial Contra Incendios e Salvamento da Coruña, entre os que se atopan os parques de Boiro e Ribeira xa teñen novo convenio.
Esta mañá, na reunión do Consorcio, integrado pola Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, aprobábase por unanimidade o acordo, que significará un convenio colectivo para o persoal operativo dos parques, así como a modificación da Relación de Postos de Traballo, que define as funcións específicas de todos os postos e o novo organigrama.
O acordo aprobado hoxe entrará en funcionamento o día seguinte da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia.
No documento recóllense melloras salariais en tódalas categorías profesionais de máis de oito mil euros anuais por bombeiro, así como un incremento dos efectivos dos parques comarcais en preto de 80 prazas, que se sumarán ás 174 xa existentes actualmente nos parques de toda a provincia.











