Os escolares ribeireses aprenden a previ-los riscos do lume

    charlabombeirosribeira_100_230207.jpgRIBEIRA > Un grupo de alumnos do colexio O Grupo recibiron a instrutiva visita dos bombeiros do parque comarcal de Ribeira que impartiron unha charla.

    Esta foi a primeira das sesións que, durante as vindeiras semanas, impartirá o parque comarcal de bombeiros de Ribeira neste centro e noutros colexios do municipio que estean interesados.

    O obxectivo é dar unha serie de recomendacións ós nenos de entre seis e dez anos para que saiban reaccionar ante unha situación de perigo provocado polo lume. De forma moi sinxela, os nenos van coñecendo os pasos que deben seguir se se produce un incendio na casa ou no colexio e as precaucións que deben tomar para evitar calquera tipo de accidente.

    Nesta primeira charla, o xefe do parque ribeirés, Óscar Casais, puido comprobar que os pequenos xa posúen algunhas nocións relacionadas coa prevención ante o lume, aínda que nunca está de máis refrescarlle-la memoria para mellora-las súas reaccións ante posibles emerxencias.

    Esta non é a primeira vez que se organizan este tipo de charlas, posto que xa se teñen impartido noutras zonas de Galicia. O obxectivo é converte-los parques de bombeiros nun referente formativo no eido da prevención e non limitar as súas funcións ás intervencións en caso de emerxencia.

    Redacción Barbanza