Fernández Moreda presenta na Pobra as melloras na estrada de Santa Cruz

    visitamoredapobra_100_270207.jpgPOBRA > O presidente da Deputación da Coruña desprazouse ata o concello da Pobra para presentar o proxecto de mellora da seguridade na estrada CP-6702.

    Salvador Fernández Moreda foi recibido no salón de plenos do concello da Pobra do Caramiñal por un elevado número de simpatizantes e representantes políticos da comarca barbanzá. O obxectivo da súa visita non era outro que presenta-lo proxecto de mellora na estrada CP 6702, na parroquia de Santa Cruz, que foi aprobado no pleno provincial do pasado xoves.

    As características da actuación foron expostas polo xefe de Infraestruturas Viarias da Deputación quen explicou que se procederá ó ensanchamento da calzada ata os nove metros para garanti-la seguridade do tránsito, tanto para os vehículos como para os peóns.

    No transcurso do acto institucional, o alcalde da Pobra, Isaac Maceiras, quixo expresar o seu fondo agradecemento ó presidente provincial pola súa contribución á realización de melloras neste concello. Aí mesmo, aproveitou a visita para solicitarlle unha pronta solución para o antigo Cine Elma, xa que a Deputación está a estuda-la súa conversión nun teatro-auditorio.proxectoestradasantacruz_200_270207.jpg

    Tras asinar no libro de honra do concello e recibir unha placa conmemorativa desta data, Salvador Fernández Moreda, agradeceu a cálida benvida brindada pola corporación aínda que afirmou non sentirse merecedor de tanto agradecemento posto que a realización de inversións nos concellos constitúe a súa obriga. O presidente da Deputación explicou que o seu obxectivo é distribuí-los cartos dos cidadáns dun xeito equitativo para mellora-las súas condicións de vida.

    Por outra banda, Fernández Moreda explicou que a demora na mellora desta estrada debeuse á falla de financiación posto que foi preciso agardar a reuni-la financiación necesaria para acomete-la obra na súa totalidade e non en fases.

    Así mesmo, explicou que a Deputación coruñesa ten un total de 220 estradas, polo que foi preciso priorizar outras que soportan un maior volume de tráfico. Aínda así, insistiu en que a actuación da estrada de Santa Cruz era moi necesaria para garanti-la seguridade do cada vez máis crecente tránsito que soporta este tramo entre Colo da Arca e Aldea Vella.

    Redacción Barbanza