Ribeira ofrece á Xunta terreos para a construción dun recinto feiral

    terreosrecintofeiral_100_270207.jpgRIBEIRA > O concello de Ribeira ofreceu á Xunta unha extensión de terreo de 70 mil metros cadrados para a construción dun recinto feiral comarcal.

    Os terreos, de 70 mil metros cadrados de superficie, discorren en paralelo ó trazado da futura autovía do Barbanza. O executivo ribeirés considera que esta localización é a máis axeitada posto que permitirá unha excelente comunicación con tódolos concellos da comarca.

    O goberno local decidiu realizar esta oferta de terreos tralo acordo parlamentario para a realización dun estudo que permita determina-la viabilidade social, técnica e económica da construción dun recinto multiusos de carácter comarcal.

    Dinamizador económico

    O alcalde ribeirés, Xosé Luís Torres Colomer, considera que a ubicación desta infraestrutura en Ribeira contribuiría a dinamiza-la economía e o tecido empresarial de toda a bisbarra a través da creación de emprego e o incremento da afluencia de visitantes.

    Ademais da habilitación dun recinto para acoller mostras e salóns profesionais, o concello ribeirés aposta pola creación dun edificio multiusos para a organización de eventos de todo tipo.

    A iniciativa da habilitación deste recinto foi proposta polo deputado popular, Manuel Ruíz, que, tralo acordo parlamentario, asegurou que ‘manterá unha actitude vixiante para asegurar que o goberno da Xunta cumpre co seu compromiso para que durante o presente ano poidan darse os primeiros pasos para a dotación do equipamento multiusos’.

    Redacción Barbanza