Desmantelada en Rianxo unha trama de tráfico de drogas e secuestro

    RIANXO > A Garda Civil de Rianxo detivo a dúas persoas implicadas nunha trama de tráfico de estupefacientes e secuestro. Estas detencións súmanse ás xa practicadas a outras dúas persoas que xa ingresaron en prisión.

    A detención destes individuos produciuse como consecuncia dunha denuncia interposta pola vítima do secuestro, un veciño de Boiro de 34 anos, que conseguiu fuxir dos seus captores tras permanecer durante dous días atado de pes e mans nun domicilio de Rianxo. Segundo as investigacións da Garda Civil, o secuestro tería como finalidade o cobro duns nove mil euros, como pago pola liberdade do retido e para facer fronte a unha débeda contraída anteriormente cos secuestradores, derivadas ó parecer do tráfico de drogas.

    Os primeiros detidos, F.D.G., de 33 anos e veciña de Rianxo, e F.J.P.F, de 41 anos e residente en Ribeira, foron localizados horas despois da fuga do denunciante, na madrugada do pasado día 21. Unha vez postos a disposición xudicial, decretouse o seu ingreso preventivo en prisión.

    Os outros dous imputados, A.N.A., rianxeira de 27 anos, e A.P.B, de 35 anos e tamén veciño de Rianxo, foron detidos na tarde do luns. Esta previsto que proximamente pasen a disposición xudicial en Padrón, acusados tamén dun delito contra a liberdade das persoas.

    Excepto un dos detidos que xa se atopa en prisión, FJPF, os outros tres implicados no caso presentan antecedentes policiais por delitos contra o patrimonio e tráfico de estupefacientes. Unha delas, FDG, que presumiblemente é a principal instigadora dos feitos, posúe antecedentes por homicidio.

    Con estas catro detencións, a Garda Civil dou por finalizada a investigación e resolución desta trama, coa que se desmantelou un dos principais puntos de venda de droga da comarca posto que o domicilio dunha das detidas servía como centro de operacións para abastecer a traficantes a pequena escala en toda a bisbarra.

    Os axentes do corpo rianxeiro xa levaban varios meses detrás da detida que resultou ser o cerebro da trama co fin de desmantelar as actividades ilícitas que desenvolvía.

    Redacción Barbanza