Arranca a campaña electoral para as autonómicas

    BARBANZA> No Barbanza tamén se celebrou a tradicional pegada de carteis, momento no que os candidatos de cada formación aproveitaron para solicitar o voto para os seus respectivos partidos. Mentres que dende o Partido Popular apostan polo continuidade como mellor fórmula para o desenvolvemento futuro de Galicia, o resto de forzas: PSOE, BNG e Marea, incidiron na necesidade dun cambio no executivo autonómico. Ás doce en punto da noite dábanse cita na praza do concello de Ribeira numerosos militantes do Partido Popular para asistir ó acto oficial de apertura da campaña electoral para os vindeiros comicios autonómicos do 25 de setembro. Como vén sendo habitual, os populares optaron por non pegar carteis pero si se concentraron ás portas da casa consistorial para arroupar á candidata popular por esta comarca, Herminia Pouso. Alí mesmo realizou unha valoración do que agarda para estes días de campaña, pedindo o voto para o seu candidato, Alberto Núñez Feijoo. A candidata número 6 pola Coruña polo Partido Socialista,Teresa Porritt, tamén elixiu Ribeira para a tradicional pegada de carteis. A candidata número 3 do BNG pola Coruña, Rosana Pérez, acompañada de varios membros do partido realizaron tamén por distintas zonas da Pobra o tradicional acto de pegada de carteis pedindo o voto para a formación coa finalidade de levar a Ana Pontón á presidencia da Xunta.