O artista Xoán Fernández xa conta cunha praza en Ribeira

RIBEIRA> O pintor ribeirense Xoán Fernández conta xa cunha praza co seu nome. O concello inauguraba esta fin de semana dous monolitos, na praciña que une a Avenida da Coruña co paseo das Carolinas nos que se rende homenaxe ó artista.

Numerosas autoridades pero tamén amigos e compañeiros de profesión quixeron participar na homenaxe que o concello de Ribeira lle rendeu a Xoán Fernández. A praza que conecta o paseo das Carolinas coa Avenida da Coruña leva a partir de agora o nome do pintor que conta cunha longa traxectoria. Traxectoria artística e vital da que fixo un repaso Xosé Antonio Ventoso Mariño, que fora alcalde de Ribeira .

Tamén o actual rexedor destacou a importancia da obra de Fernández que ten levado o nome da vila por todo o mundo. O homenaxeado tomou a palabra, visiblemente emocionado, para agradecer este acto.

Tras interpretar o himno galego a cargo dun grupo de gaitas procedeuse a inaugurar unha placa conmemorativa e un panel sobre a o obra de Fernández. Como complemento a esta homenaxe, o concello inaugurou unha exposición dedicada ó autor que se xa se pode visitar na casa consistorial.