Veciños de Corrubedo saen á rúa para esixir un médico a tempo completo

RIBEIRA> Os veciños de Corrubedo volveron saír á rúa para esixir un médico a un tempo completo. Denuncian que, na actualidade, tan só dispoñen de facultativo un par de horas ó día tendo que desprazarse ata Ribeira no caso das urxencias.

Numerosos veciños de Corrubedo concentrábanse ás portas do centro de saúde da localidade ribeirense para denunciar os recortes na atención primaria. Ata o de agora, a parroquia contaba cun profesional en xornada completa pero hai unha semanas a situación mudou contando unicamente cun médico un par de horas ó día.

A situación é especialmente grave nunha parroquia con alta porcentaxe de poboación envellecida, con dificultades para desprazarase ata Ribeira no caso de precisar atención ou mesmo de consultar as horas de dispoñibilidade do médico xa que só se pode facer a través dunha aplicación.

Na manifestación, que percorreu a zona portuaria de Corrubedo, participaron tamén representantes de distintos grupos da corporación ribeirense. Xa foron varias as formacións políticas que se fixeron eco destas reivindicacións veciñais.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí