Plademar Muros-Noia pide a eliminación dos redondeos

NOIA> A Plataforma reclámalle á Confraría que pague ós mariscadores por cada gramo de marisco recollido ó considerar que a fórmula empregada na actualidade prexudica gravemente ós profesionais.

Facéndose eco do malestar de moitos dos mariscadores da confraría noiesa, a Plataforma en Defensa do Mar Muros-Noia demanda ó pósito a eliminación dos redondeos, e que se pague ós produtores polo prezo total da cantidade de bivalvo extraído. Dende Plademar denuncian a perda de ingresos que supoñen estes redondeos, agravada máis se cabe nestas datas con cupos moi restrinxidos e moi pouco marisco de primeira.

Para Plademar a alternativa do pósito de abrir unha nova categoría denominada berberecho de pesa que non pasa pola clasificadora tampouco é a máis axeitada, xa que ó mesturar distintos calibres de marisco baixa a súa cotización.

Por esta razón, Plademar pide á confraría que estude a súa proposta de cara a vindeira campaña e buscar así a mellor fórmula para atender os intereses de tódolos socios da Confraría.